Francisco Castro, director xeral de Galaxia: "A literatura galega é unha literatura de gran calidade, tanto ou máis que a española"

9:30


"Gustaríame que a sociedade galega reacionase, que se decatase da traxedia que significa que esteamos perdendo a lingua"

Hoxe é o Días das Letras Galegas, un día de celebración da nosa literatura, a nosa lingua e da nosos autores e autoras. Este ano a Real Academia Galega adicou este día a Carlos Casares, finado de forma sorpresiva no ano 2002. Carlos Casares traballou a prol da cultura galega sendo o Director Xeral da Editorial Galaxia, unha das editoriais en galego máis importantes do país. O seu traballo dende 1985 ata a súa morte en Galaxia deixou un método de traballo que segue a funcionar dende aqueles anos e que amosan que a súa figura está máis viva ca nunca.

Francisco Castro é na actualidade o Director da editorial despois de que Victor Freixanes a deixara para asumir a presidencia da Real Academia Galega. Hoxe queremos falar con Francisco da editorial, da nosa literatura e da figura de Carlos Casares.

- Galaxia é unha das editoriais en galego máis importantes na actualidade. Como naceu Galaxia? Como foi o seu pasado, o presente e pode ser o seu futuro?

Sería ben longo de contar. Nace en 1950 cunhas ideas moi claras: defender Galicia, a súa lingua e cultura, nuns tempos difíciles. Así seguimos tanto tempo despois, loitando polo mesmo.

- Que poden encontrar os lectores no catálogo de Galaxia? Que fan diferentes os libros da vosa editorial aos dos outros?

A Editorial Galaxia é unha editora xeneralista, é dicir, no noso catálogo están todas as materias que lle poden interesar a unha lectora ou lector moderno teña a idade que teña. Coidamos moito a LIX e os clásicos, pero tamén a Literatura Contemporánea, o Ensaio, a Poesía, a Historia. En definitiva, un amplísimo catálogo que pode interesar a calquera.

- Falando un pouco de lectura. A Federación do Gremio de Editores de España, no seu Informe de Lectura 2017, di que a edición en galego representa un 1,9% dos libros publicados fronte ao 10% que están en catalán. Cal pode ser o problema de que se edite tan pouco en galego? A falta de apoio das administracións ou dos hábitos lectores que prefiren o libro en castelán en vez do libro en galego?

Sen dúbida, as dúas cousas. O apoio da administración á cultura galega é máis que discutible, por dicilo suavemente. E logo está a xente. Se se edita tan pouco e se vende tan pouco é porque o noso mercado é o que é, ou sexa, non hai esa demanda que hai en Cataluña porque non temos tanta xente que queira ler en galego. É un problema de galegofalantes. De actitude das galegas e galegos ao respecto da lingua propia do país. E, tamén, de que temos baixos índices de lectura, na lingua que sexa.

- Cre que a literatura galega está pasando por un bo momento? Hai futuro para seguir medrando?

A literatura galega está nun momento excepcional. Temos grandes autoras e autores que son traducidos a moitas linguas con normalidade. Como digo sempre a literatura galega é unha literatura de gran calidade, tanto ou máis que a española. Diso non hai a máis mínima dúbida. Así que hai futuro, claro que si, pero para iso temos que ter lectoras e lectores. A nosa gran batalla ten que ser esa porque, de que serve ter creadores e creadoras de tantísima calidade se non temos quen nos lea?

- Que reivindicación faría das nosas letras? Que lle gustaría dar a coñecer a todos los lectores?

A min gustaríame que a sociedade galega reacionase, que se decatase da traxedia que significa que esteamos perdendo a lingua. É o único realmente noso que temos. O resto é secundario. Nada hai máis propio que a lingua para definir unha cultura. E o galego está a morrer. E sendo iso unha traxedia, o peor é que á xente non lle preocupa.

- Nun artigo, o escritor e xornalista Manuel Veiga, di que a literatura galega está nun proceso de infantilización porque quere agradar e non arriscar. Cre vostede que esta afirmación é certa? Estamos nun punto de retorno?

Quérolle moito a Manuel Veiga e coido que é unha das persoas máis intelixentes e ponderadas que temos no noso sistema literariro, sen embargo, coido que estivo desafortunado nese artigo que non comparto dende ningún punto de vista. Falar de infantilización é remitirse a unha especie de “todo tempo pasado foi mellor e só Blanco Amor fixo literatura”. Iso é indefendible. A literatura galega actual é unha literatura moderna, que está ao cabo do seu tempo, ocupándose dos mesmos asuntos, das mesmas temáticas, tamén dende o punto de vista estructural, de creación, que o resto das literaturas occidentais. Sinceramente, non sei moi ben que é iso da infantilización. Lin outros comentarios doutras persoas, máis ou menos da mesma idade, con esa especie de actitude melancólica. E eu son inimigo da melancolía. A melancolía é querer estar nun sitio que xa non é posible estar. A realidade é dinámica e transfórmase. A literatura, tamén. A galega é ben adulta.

- Este ano 2017, o Día das Letras Galegas está adicado a Carlos Casares que foi director da Editorial Galaxia dende 1985 ata o seu falecemento. Que supuxo a figura de Casares na editorial e na nosa literatura? O legado de Casares está máis vivo que nunca?

Carlos Casares supuxo, como lembraba o noso presidente, Antón Vidal Andión hai uns días, a transformación da nosa editorial dunha estrutura artesá á profesionalización. Con Casares a Editorial Galaxia convértese nunha editorial profesional.

- Se tivera que escoller unha obra de Casares, cal sería?

Sen dúbida, Os mortos daquel verán.

También te gustará

0 comentarios

Gracias por comentar.